A MIÑA HISTORIA

Todo o  mundo carrexa historias ás súas costas. A vida é unha encrucillada chea de historias e de persoas, lugares e acontecementos...

 

A miña historia, como leredes máis adiante, non é, en moitos sentidos, a típica historia dunha nena de bo status social que recibe clases no conservatoriao da súa cidade. Pódese dicir que entrei tarde no mundo musical.

 

O que quero dicir é que acadei habilidades musicais a unha idade maior do habitual.

 

A grande vantaxe que isto supuxo foi a madurez e a determinación que tiña. Para pórme ao día precisaba entender de maneira analítica e consciente a arte de tocar o violín.

 

Coa idade coa que a gran maioría dos alumnos están estudando os grandes concertos para violín, eu aínda non sabía o que me esperaba, e se por aquel entón alguén me chegase a preguntar que é un violín, non sabería a resposta. Incluso diría que se alguén neses momentos viñese ao pasado e me amosase o meu futuro probablemente rompense en gargalladas ao mesmo tempo que seguiría servindo copas nun pub.

 

Crieime en Aguiño, unha fermosa vila de pescadores nas Rías Baixas de Galicia, na provincia da Coruña. En Aguiño a xente é traballadora e humilde. O meu pai, por exemplo, traballou dende que tiña nove anos e miña nai dende os doce. Eu fun unha afortunada por comezar a traballar no pub aos quince anos.

 

A música sempre me acompañou na vida. Incluso sen nunca ter escoitado un concerto de música clásica nin nunha sala de concertos nin na radio; outros tipos de música si formaban parte do meu benestar. Aos catorce anos foi cando tiven a miña primeira experiencia musical impactante.

 

O noso profesor de inglés no colexio, Don Camilo Rumbao, foi o primeiro músico que se cruzou no meu camiño.

 

Don Camilo toca o piano e o órgano, ama a música, e cando daba clases de inglés no colexio da vila decidiu montar unha pequena tuna de nenos, con mandolinas, bandurras, laudes e guitarras. Fixo unha selección de nenos de entre 9 e 12 anos e eu vin con tristura que quedaba fóra da actividade musical! Non podía ser, así que lle pedín que por favor me deixase formar parte do grupo. E entón tiven a miña primeira audición: cantar unha canción popular en diferentes tonalidades, ou polo menos iso creo que foi o que pasou xa que non sabía o que eran as tonalidades mais dalgunha maneira seguín o que escoitaba do piano. Que gran éxito!

 

Así comezei a tocar a mandolina. Ningún de nós tiña nocións de solfexo e Don Camilo inventou un método propio. Primeiro ensinounos o nome das notas, que todos puxemos nos nosos trastes dos instrumentos, e despois escribiu a man todas as partituras co nome das notas: “ fa mi mi___, fa mi mi___, fa mi mi___ do_____, ____ do si la___, la sol fa___, fa mi re___ re____ etc” (As orquestras xeralmente empezan esta obra con mi bemol, re, re____.) e se era unha nota máis longa pois poñíalle unha raia (____) por debaixo. En fin, moi interesante o método e efectivo! Encantábame tocar na tuna! Tocabamos na igrexa, cancións populares e algúns mix dos “hits” de música clásica.

 

Entón eu xa comezei o instituto e quería aprender máis. Logo dun ano díxenlle se por favor me podía ensinar a ler música de verdade, e díxome :

-” Iso xa son palabras maiores; pero se queres e tes tanta gana dedicarei una hora cada día a ensinarte!”

 

A miña alegría foi inmensa! Así foi como día a día aprendín solfexo e a ler partituras cantando. Teño que dicir que Don Camilo sempre me ensinou de maneira altruísta e nunca aceptou ningún pago polas clases de solfexo nin polo seu labor coa tuna da que toda a vila gozábamos.

 

Logo duns meses, Don Camilo apareceu pola escola cun estoxo dun instrumento, un libro e un radiocasete. Díxome: -“Quero que escoites algo”. A música que comezou a soar era marabillosa. -“ É un cuarteto de corda”. Nin idea do que me estaba dicindo.

E amosoume o estoxo:

-“Raquel, sabes o que é isto? É un violín. A min encántame o violín pero non teño tempo para aprendelo. Se queres pódocho deixar e podes intentar tocalo.”

O meu soño comezaba a formarse antes de que eu puidese soñalo e todo grazas á xenuína xenerosidade desta persoa.

 

Nunca me esquecerei do olor dese violín e da sensación que tiven a primeira vez que o collín nas miñas mans.O seu son...., que doce me parecía a pesar de todos os chíos que por suposto saían ao comezo. Así que con 16 anos comezei a rascar o violín 10 minutos algún que outro día. Encantábame, mais non tiña ningunha partitura de violín, así que intentaba sacar melodías de cancións que a min me gustaban.

 

Despois de dous anos mudeime a Santiago de Compostela para cursar COU ( o curso que se facía antes de estudar unha carreira) e alí matriculeime no conservatorio. As miñas clases de violín eran de quince minutos, así que daba tempo a afinar e pouco máis. O primeiro ano tiven catro clases! Eu quería aprender máis e así foi como despois de facer unha audición para a Xoven Orquestra de Galicia, e pasala, marchei coa orquestra de xira un mes a Sudamérica! Que incrible! Eu estaba segura de que dedicarme á música era o que quería na miña vida, pero era tan difícil!! Non tiña profesor estable e víao como un soño difícil de alcanzar. Así que comezei a carreira de filoloxía inglesa e ao mesmo tempo tocaba na Xoven Orquestra.

 

Alí coñecín a Germán Clavijo, naquel entón violinista, (hoxe violista na London Symphony e profesor de viola na Guildhall School of Music and Drama). Escoiteino tocar a Chaconna de Bach e as emocións que sentín foron indescritibles. Logo fíxome escoitar o concerto de Sibelius! Meu Deus, como é posible que exista algo así? E así fixémonos noivos e viñeron o concerto de Brahms, Tchaikovsky, Prokofiev, máis concertos, sonatas, cuartetos, sinfonías e unha infinidade máis de obras. E presentoume ao seu profesor: Lev Chistiakov, antigo membro dos virtuosos de Moscú.

 

Así comezei os meu estudos regulares de violín. Viaxaba cada fin de semana en autobús nove horas para dar clase con el. Un profesor marabilloso, moi dedicado, que a pesar do meu baixo nivel pola miña idade ( xa daquela tiña 21 anos) confiou nas miñas posibilidades e en dous anos preparoume para entrar na Guildhall School of Music and Drama. O nivel que conseguín grazas ás súas clases permitiume tocar en varias orquestras profesionais para aforrar diñeiro e para cumprir o meu soño: continuar estudando violín e convertirme nunha boa profesional. Mentres tanto eu fun cursando a miña carreira de filoloxía inglesa, que me vén moi ben á hora de ir estudar a Londres.

 

Antes da miña audición para a Guildhall fixen varias clases con algúns profesores. Eran tan diferentes! Cada un centrábase en aspectos diferentes e tiñan métodos de traballo moi interesantes. Detlef Hahn foi un destes profesores que me encantou e con quen quería estudar na Guildhall. Pasei a audición e así comezaron os meus estudos superiores de violín. Os dos primeiros anos foron moi duros. Eu vía que o nivel era moi alto e sentía que quizais non podería alcanzalo pero, cabezona como galega que son e apoiada pola confianza que Detlef tiña depositada en min, seguín e estudaba sempre cando o meu traballo (na biblioteca) e as miñas clases mo permitían. Non tiña bolsa así que tamén tiña que gañarme a vida. No segundo ano xa conseguín bolsa e estaba máis tranquila.

 

Detlef, un gran violinista, falábame moito de expresividade, de contar historias tocando, de imaxinación e dunha boa conciencia corporal ao facelo. Nestes anos comezei a ofrecer os meus primeiros recitais de violín e piano en España e en Inglaterra e a experimentar a calor do público. O terceiro curso na Guildhall foi un despexe. Detlef preguntoume que me gustaría tocar. O meu soño era o concerto de Sibelius e el díxome: adiante!

 

Uff!! Non podía parar de estudar! Cada momento que tiña dedicábao ao concerto! Foi un soño feito realidade e serviume para despegar e comezar a voar e sentir a música e o violín doutra maneira. A pesar de todo o que vía que me quedaba por diante xa estaba gozando a esgalla! Non tiña dúbida, isto era o meu. Ese verán fun a Salzburgo facer un curso de verán. Non sabía moi ben con quen, recomendáranme a un profesor que se chamaba Mauricio Fuks. Foi a miña primeira clase, estaba nerviosa, había moita xente escoitando. Ademais este profesor tiña unha presenza forte e especial.

 

Comezei a tocar e despois dun anaco equivoqueime e parei. Púxose en pé e dixo: -“Querida, por que paras? Todos estamos gozando, por favor empeza a gozar ti tamén”.

 

A clase foi incrible e cambiou o curso do meu futuro. Non podía parar de escoitar as súas clases e de aprender tantas cousas! A medida que a semana transcorría emocionábame a arte, a paixón e o coñecemento nas súas ensinanzas así como a gran dedicación que tiña cara aos seus alumnos.Quería estudar con este gran profesor. Tíñao máis que claro.

 

Nun dos descansos do curso aproximeime e pedinlle dous minutos de tempo.

Díxenlle: -“ Mestre, eu quero estudar con vostede. Sería posible? Que teño que facer?”.

El díxome: -“ Bueno, a verdade é que a cota da universidade xa a teño chea mais, se queres, podes vir a clases particulares”.

 

Claro que si! Tiña que buscar a maneira. Dende ese momento ata a miña primeira viaxe a Bloomington non parei de pensar na miña meta. Así que me dediquei a estudar, rematar o Bachelors en Londres, aforrar e cruzar o charco.

 

Aquí comeza a terceira parada na miña viaxe. Cheguei a Bloomington, no estado de Indiana, na mellor época do ano para velo: o outono, cheo de árbores coas follas de todas as cores. Un pobo grande cun campus fermoso e moitos estudantes cun ambiente internacional e estupendo.

 

Comezei as miñas clases e un novo camiño abriuse para min. Ía escoitar todas as clases que podía e así foi como aprendín moito. Non podía permitirme ter clases regularmente; ía a unha cada tres semanas, máis ou menos, e o resto do tempo estudaba e escoitaba outras clases.

 

Fascinábame todo o que estaba vivindo: a experiencia de todo o novo que sentía co violín, o nivel dos alumnos que alí escoitaba e marabillábame ver todo o que progresaban.

 

Despois de dous meses fixen a audición para a universidade. Tras a audición o maestre Fuks tivo una conversa comigo na que me dixo que pensaba que tiña calidades como pedagoga e que, ademais das clases de violín con el, lle gustaría que traballase con algúns dos seus alumnos; que el me guiaría e me explicaría como facer. E así comezei os meus estudos do Performer Diploma xunto coa experiencia de ensinar que marcaría unha parte importante do meu futuro profesional. Despois continuei cursando o Masters en Música, no cal experimentaría as miñas primeiras experiencias como solista, e seguín ofrecendo recitais. Nestes anos coñecín a Yuval Gotlibovich, agora o meu marido, (que nesa época era estudante tamén e despois foi nomeado profesor de viola), fonte de inspiración constante.

 

Co mestre Fuks non só medrei como violinista e pedagoga tamén o fixen como persoa. Sempre lle agradecerei toda a confianza que puxo en min e as oportunidades que me ofreceu.

 

No meu último ano do máster de música fixen as audicións para ser profesora na Esmuc, (Escola Superior de Música de Catalunya) e logo de ser seleccionada comezei o meu traballo na escola en setembro do 2004.

 

Nestes dez anos levo aprendido moito dos meus alumnos e estou moi contenta e orgullosa de todo o traballo que cada un deles leva realizado e está realizando. A pesar de que moitas veces lles “aperto as caravillas”, aguantaron e aguantan e cada un dos seus logros son tamén os meus.

 

Nestes dez anos tamén tiven moitas e variadas experiencias tocando con excelentes artistas que me inspiraron e enriqueceron e que me alentan para seguir gozando e compartindo a música en público.

 

Se a miña pequena historia ten algo que ofrecer é que ás veces o paso lóxico que dar é o ilóxico. Nada a contracorrente se ves que non podes nadar con ela. Estou eternamente agradecida a todas as persoas que mencionei anteriormente pola súa fe en min e polas portas que me abriron, que tanto me ensinaron sobre a arte e a vida. Asegúrovos que todo o levo gravado e forma parte do meu entendemento da música e da xente. Estou eternamente agradecida a todas esas persoas que non podo mencionar porque os seus nomes aínda son descoñecidos para min nestes momentos e que continuarán inspirándome e formarán parte da miña viaxe no futuro.

IMG_4467.jpg

IMG_4467.jpg

IMG_4486.jpg

IMG_4486.jpg

IMG_4546.jpg

IMG_4546.jpg

IMG_4473.jpg

IMG_4473.jpg

IMG_4498.jpg

IMG_4498.jpg

IMG_4527.jpg

IMG_4527.jpg

Photo by  Núria Codina.

Photo by  Giovanni Bettinello.

IMG_5878.jpg

IMG_5878.jpg

raquelpub2.jpg

raquelpub2.jpg

Raquel Pub 1 COLOR RET.jpg

Raquel Pub 1 COLOR RET.jpg

14 .jpg

14 .jpg

 foto 7.jpg

foto 7.jpg

4.jpg

4.jpg

8.jpg

8.jpg

6.jpg

6.jpg

3 .jpg

3 .jpg

11 .jpg

11 .jpg

13.jpg

13.jpg

5.jpg

5.jpg

Photo by  Chechu Bal.

photo1.jpg

photo1.jpg

photo2.jpg

photo2.jpg

Interviews  Faro de Vigo & La Voz de Galícia