FILOSOFÍA DA ENSINANZAO

 

OBXECTIVO

Tocar o violín é unha viaxe de por vida tanto para o profesor como para o alumno. A miña meta para o estudante é que se convirta no seu propio profesor e que a través de toda a información que vai adquirindo ao longo dos seus anos como estudante atope ferramentas dabondo para precisar ao seu profesor cada vez menos. Desta maneira o éxito convértese nun proceso natural tanto para o alumno como para o profesor.

 

As diferentes vivencias como violinista, primeiro como estudante e despois como recitalista, solista, músico de cámara e profesora profesional, leváronme a desenvolver un método de ensinanza do violín no cal adaptei as diferentes influencias dos meus profesores (con gran énfase nos coñecementos adquiridos co mestre Fuks) e a miña propia intuición como pedagoga.

 

A experiencia adquirida nestes últimos anos levoume a desenvolver unha visión da docencia do violín que se centra no crecemento musical do alumno como artista e na mellora de aspectos relacionados coa técnica do violín e a interpretación musical dun amplo repertorio.

Como profesor un necesita desenvolver un sexto sentido para ver o que o alumno precisa e para darse conta de cal é o momento axeitado para mostrar esa información ao alumno.

 

En cada caso individual trátase de diagnosticar “o/os problema/as”, identificalo/os, descompoñelo/os da maneira máis sinxela posible e ofrecer ao alumno ferramentas e información para resolvelos.

 

Este proceso debe ser levado a cabo da maneira máis sa posible, onde os “problemas” non se xulgan como unha crítica persoal e se utilizan como información para que o alumno se desenvolva como músico e intérprete. Desta forma o estudante responsabilízase do seu progreso e da súa personalidade como músico.

 

Esta visión de como estudar e interpretar co violín ofrece ao alumno máis confianza e liberdade para expresar e desenvolver a súa individualidade artística.

 

O PROCESO

A interpretación do violín é unha experiencia holística que comprende os movementos (aspecto físico), as habilidades musicais (aspecto mental) e o psicolóxico (aspecto espiritual). O meu concepto da ensinanza céntrase na combinación destes tres aspectos.

 

1. OS MOVEMENTOS. O ASPECTO FÍSICO

Neste plano o meu principio fundamental na ensinanza do violín baséase en seguir os movementos físicos naturais do corpo humano aplicados á interpretación do violín. A liberdade física á hora de interpretar é o primeiro paso para tocar con sensibilidade musical e con confianza.

 

Seguir unha escola e aplicala individualmente é unha gran vantaxe para o alumno xa que pode ver unha guía clara que non lle leva a confusións. Na miña formación levo adquiridos coñecementos da escola rusa, da escola franco-belga e da escola de Galamian. Beneficieime e aprendín das tres e experimentei como esta última me proporciona unha gran liberdade física, mental e espiritual á hora de interpretar.

 

Coa técnica que desenvolveu Ivan Galamian o alumno vai descubrindo como o seu físico individual reacciona e se libera grazas ás vantaxes desta técnica. A través da miña propia experiencia como intérprete de violín e a través dos meus alumnos teño observado e experimentado como esta escola de violín ten beneficiado e segue beneficiando a ducias de estudantes de niveis moi diferentes: estudantes que están descubrindo a arte da interpretación do violín, estudantes que xa lograron unha carreira musical de solistas, estudantes que hoxe en día son grandes profesionais no mundo da música de cámara, grandes profesores ou músicos en prestixiosas orquestras...

 

Con cada alumno preséntase para mi un caso individual e esta técnica aplícoa segundo as cuestións que se necesiten resolver, mellorar e perfeccionar en cada alumno e en cada momento dentro do desenvolvemento de dito alumno. Para cada alumno sigo un plan organizado e personalizado.Hai uns puntos clave a ter en conta na aplicación da técnica Galamian.

 

Postura e posición: de gran importancia é comprobar que o alumno ten un bo balance á hora de tocar e que o corpo está aliñado na posición ideal para a súa estrutura física e en relación co instrumento. Todo o corpo forma parte do proceso de interpretación. Hai que desenvolver e aplicar este principio en todo o proceso de estudo e interpretación.

 

Man dereita: a posición da man dereita para tomar o arco é clave para producir un son de gran calidade e individual. O noso son é a nosa voz. Temos que namorarnos da nosa propia voz e ter a capacidade e diversidade para que poida interpretar todos os roles que a profesión nos demande. É preciso desenvolver e perfeccionar todo tipo de golpes de arcos, a través de estudos e do repertorio barroco, clásico, romántico e contemporáneo do violín. Tamén é preciso facer un estudo das diferentes posibilidades acústicas e sonoras do violín sempre relacionándoo coas necesidades estilísticas e emocionais do repertorio.

 

Man esquerda: implementar unha postura natural da man esquerda adquirindo a maior liberdade posible para o logro dunha boa afinación, axilidade e embelecemento do son (a través de varios tipos de vibrato) daríanos a confianza e a seguridade necesaria para a interpretación do repertorio. Dentro do traballo da man esquerda atópase o desenvolver a memoria muscular necesaria para a execución segura. Estes puntos serán aplicados ao repertorio tendo en conta as características estilísticas das obras a traballar.

O traballo destes tres puntos desenvólvese coa aplicación de diversos exercicios técnicos (en escalas, arpexos, estudos de dobres cordas, diversos e variados exercicios para ambas mans e para a coordinación entre elas,etc...) así como estudos e repertorio aplicado ás necesidades individuais.

 

O obxectivo de todo este traballo é preparar ao alumno a un gran nivel profesional onde as dificultades técnicas non se interpoñan na interpretación musical e a personalidade artística.

 

2. AS HABILIDADES MUSICAIS. O ASPECTO MENTAL

Cada alumno posúe diferentes calidades como músico e como persoa, e en cada caso se debe alentar ao alumno a lograr o seu máximo potencial. Unha boa educación musical comeza por unha boa capacidade interpretativa dun repertorio variado da música clásica e contemporánea, con entendemento das diferentes épocas e xéneros musicais.

 

Como profesor é sempre interesante ver cales son os puntos fortes do alumno e que puntos son os que se necesitan desenvolver. A miña experiencia ensinoume que hai alumnos que posúen mellores calidades interpretativas para certos estilos e xéneros musicais, e considero un aspecto importante fomentar e progresar nesas calidades. A miña meta como profesora é a preparación do alumno a un nivel no cal se poida mover profesionalmente en diferentes campos e mellorar os puntos febles en canto á interpretación e ao entendemento musical a través de exercicios e dun repertorio rico e variado. O ideal é preparar ao alumno dunha maneira global para que acade experiencia tanto como músico de orquestra, de cámara, solista ou como profesor se decide dedicarse á ensinanza.

 

3. O PSICOLÓXICO. O ASPECTO ESPIRITUAL

A valoración dos aspectos sociais e humanos da música na nosa sociedade é un dos puntos fundamentais dentro da pedagoxía.

 

Observar e ver as calidades dos diferentes alumnos e desenvolvelas durante os seus anos de estudo é un paso importante para o futuro profesional do alumno.

 

A relación profesor-alumno é unha das claves do éxito na ensinanza do violín.

 

Como pedagoga, valorar e respectar os intereses, habilidades e logros do alumno forman parte desa relación. O alumno debe medrar globalmente como persoa, con intereses en diversas áreas da música e da sociedade en xeral.

 

No meu traballo como profesora, a parte da información para o desenvolvemento técnico e interpretativo, a relación co estudante baséase nun proceso de estudo controlado de como alcanzar as metas propostas. Unha guía de como estudar e os pasos a levar a cabo é un dos puntos claves para o éxito. Unha comunicación aberta e sincera axuda ao desenvolvemento do e establece unhas metas claras para ambas partes.

 

Comprender e cultivar os intereses do alumno leva a unha preparación artística sólida que lles permite desenvolver o seu potencial e acadar as súas metas profesionais.

 

A miña experiencia como profesora amosoume como unha gran maioría dos alumnos necesitan encontrar a súa propia voz, a súa individualidade dentro dun mundo onde a perfección técnica é un elemento indispensable para conseguir traballo. Na miña práctica como pedagoga cultivo a conexión coa voz interior a través de diversos exercicios coa música para lograr que o alumno sexa consciente de que está transmitindo o que sente. É de vital importancia ter un gran nivel de entendemento musical e desenvolver ao máximo a capacidade de interpretación en cada momento dentro do seu propio progreso.

 

Como último punto, e de extrema importancia, gustaríame mencionar a práctica diante do público. Como liberar e controlar as emocións ante uhna audiencia é un dos elementos máis importantes no desenvolvemento do alumno como artista.

 

Como en todos os aspectos citados anteriormente, este punto tamén require un tratamento individual. Na miña actividade ocupa un lugar prioritario o interpretar regularmente perante o público.

 

Na maioría dos casos, para os estudantes, o ofrecer concertos e tocar en público é a meta final, é onde os resultados do duro traballo realizado son unha recompensa para o alumno e un agasallo para o público. Estas actuacións deben desenvolverse de maneira regular e en todos os campos posibles: con orquestra, con piano, con diferentes agrupacións de cámara e con repertorio para só violín.

 

Working on the sound, searching for the weight and relaxation of the right arm. Trabajando el sonido. Buscando el peso y la relajación del brazo derecho. Sonata op. 78. Brahms.

Working on the expressiveness and the use of vibrato.

Trabajando la expresividad y el uso del vibrato.

Tres piezas op.42. Scherzo. Tchaikovsky.

Working on the distribution of the bow.

Trabajando la distribución del arco. Concierto Kachaturian.

Working on string crossing in a scale.

Trabajando los cambios de cuerda en una escala.

Working on the violin hold. Trabajando la colocación del violín.

Working on the sound and the connection between the notes. Trabajando el sonido y la conexión entre notas. Partita 1 BWV 1002. Allemanda. Bach

Working on the sound, searching for the weight and relaxation of the right arm. Trabajando el sonido. Buscando el peso y la relajación del brazo derecho. Sonata op. 78. Brahms.

Working chords, mov.1 Concerto A.Dvorak.